Sunday 28 de April de 2024

Noventa veciños e veciñas de Brión bailan na carballeira de Santa Minia ao ritmo do rock de Pakolas


Noventa veciños e veciñas de Brión desfrutaron esta fin de semana da actuación de Pakolas que, co seu espectáculo “Ramona Órbita”, fixo unha viaxe musical a través do tempo. Un espectáculo do que gozaron por igual as crianzas, as nais e os pais que asistiron ao evento, que se celebrou na carballeira de Santa Minia aproveitando a agradable tarde outonal, o que permitiu dobrar o aforo do interior.

Para o próximo venres 22 de outubro, ás 18:30 horas, o Concello de Brión ten programada a actuación de Moc-Moc Mere Clow, co seu espectáculo “Circo na casa”. A entrada é de balde ata completar o aforo, sendo preciso reservar localidade na biblioteca municipal, no teléfono 981 50 99 69 (de 17:00 a 22:00 horas) ou no correo bibliotecadebrion@briondixital.org. Inicialmente, a actuación terá lugar na sala de exposicións municipal, salvo que as condicións meteorolóxicas permitan o seu traslado á carballeira de Santa Minia.

Estas dúas actuacións forman parte da programación especial do Mes da Biblioteca, unha iniciativa organizada pola Biblioteca Municipal de Brión en colaboración co programa Ler Conta Moito e que está permitindo gozar dun espectáculo musical ou contacontos todos os venres do mes de outubro, mes no que se conmemora o Día da Biblioteca.